Hoxe, 12 de xullo, a partir das 21:00 h., no Teatro Principal de Santiago, Casahamlet realizará unha homenaxe a Rosalía de Castro polo 125 aniversario do seu falecemento.
Foi un empeño de Casahamlet, desde os seus inicios en 1998, o facer unha triloxía escénica sobre os tres grandes poetas do Rexurdimento. E así estreou Escuro enigma eu son (Pondal, 2002), Quen pudera convosco voar (Curros, 2008) e agora presenta Ao raso coas lebres (Rosalía, 2010), un recital-concerto que tenta mostrar a lucidez e a rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola consciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte ás agresións. Con esta homenaxe ábrese a semana do 125 aniversario da morte de Rosalía, que se celebra este xoves 15 de xullo.