A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso presentou o proxecto lingüístico e cultural Outono Pondaliano, proposta dirixida a toda a poboación da comarca, tanto escolar como adulta, e desenvolverase todos os martes do vindeiro mes de novembro en horario de mañá e tarde. Na presentación deste proxecto, que se desenvolverá na Fundación Eduardo Pondal, participaron o presidente desta entidade e alcalde de Ponteceso, José Luis Fondo; o xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Manuel Varela; o subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas; o director de AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero; a directora do Centro Coreográfico de Galicia, Mercedes Fernández Suárez; o patrón da Fundación Eduardo Pondal José María Varela; e mais os directores e directoras dos centros educativos de Ponteceso. Outono Pondaliano artéllase en seis ciclos de actividades: Creatividade pondaliana, Aula viaxeira pondaliana, Encontros pondalianos, XIV Simposio Pondaliano, Libros pondalianos e Cestería viva, e nel participan, entre outros, Xesús Ferro Ruibal, Anxo Angueira e Darío Xohán Cabana.