Está aberto desde xa o FORO ACHEGARTE 2011, a festa da cultura organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña o sábado 2 e domingo 3 de abril.
O contexto actual no que se desenvolve a cultura galega vén en boa medida determinado pola trepia que conforman a crise económica, a mudanza nos soportes e xeitos de produción, consumo e acceso cultural e a tensión entre a vontade de desenvolvemento da identidade galega e a tendencia homoxeneizadora que impón a globalización. Pensar que cultura e para quen, como construíla e que papel corresponde a cada un dos axentes (administracións, creadores, sectores profesionais, cultura de base, cidadáns) que nela interveñen quere ser obxectivo deste Foro que olla e analiza o contexto xeral fincado na experiencia e no compromiso concreto dos seus e das súas participantes.
Todas e todos podedes comentar unha das liñas abertas ou comezar un novo fío. As ideas serán recompiladas na rede durante todo este mes de marzo e levadas ás mesas de traballo de ACHEGARTE 2011, onde se converterán nun manifesto. Publicarase un vídeo conxunto da lectura de todos os manifestos e recollererase tamén nun documento de texto que será difundido na rede. As liñas dos foros son:
– ARTES ESCÉNICAS
– ARTES PLÁSTICAS
– AUDIOVISUAL
– LINGUA
– LITERATURA
– MÚSICA
– ORGANIZACIÓNS CULTURAIS
– SOFTWARE LIBRE
PROXIMAMENTE anunciarase a convocatoria para participar nas mesas de traballo de ACHEGARTE 2011.