O venres 15 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, continúa o “Ciclo Escritas 2011 Sargadelos“, que, baixo o título de “Circunvolucións”, consiste nunha serie de charlas na que se abordará a experiencia que coa(s) escrita(s) manteñen diversos autores, tratando de atravesar a partir das diferentes liñas de universo dos/das conferenciantes/conferenciantas a proliferación das inscricións que fan con nós comunidade. Nesta terceira charla, Fran Cortegoso falará sobre O lugar do corvo: “O corvo como símbolo da morte é aparición última da vida. Só lucubramos a morte a través da alteridade. É inexistencia do ser, e inexistencia mesma é. Así é o corvo síntese de vida, de proceso concluso, e por tanto de recordación, de percurso vital como histórico e relato. O corvo como símbolo dun proceso estético e ético.”