“O escritor e ex ministro de Cultura César Antonio Molina asegurou hoxe que Álvaro Cunqueiro outorgou á poesía e á narrativa un estilo “propio orixinal”. Molina pronunciou esta mañá a conferencia inaugural do congreso Mil e un Cunqueiros, organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas tres universidades galegas para conmemorar o centenario do escritor (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981). O ex ministro dixo de Cunqueiro que foi o escritor galego “máis importante do século vinte” e relatou as súas experiencias con Álvaro Cunqueiro, ao que coñeceu nos anos sesenta, así como as lecturas que realizou sobre a súa obra. (…) “Foi sempre un autor que invadiu a poesía e a narrativa intercomunicando ambos os xéneros cun estilo propio orixinal”, dixo Molina de Álvaro Cunqueiro. O ex ministro cualificou ao autor mindoniense como un home “escéptico” e agregou que Cunqueiro “comprendeu que as posibilidades de sobrevivir culturalmente era a través da imaxinación”. Ademais, destacou que, como narrador, Álvaro Cunqueiro foi bilingüe e que no campo do xornalismo utilizara fundamentalmente o castelán, mentres que cando escribía poesía escribía en galego e “era profundo e consustancial”. A César Antonio Molina precedeuno no uso da palabra o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que destacou o “poder de atracción” de Álvaro Cunqueiro. Villares sinalou que Cunqueiro “conta moitas cousas que remiten a mundos que coñecemos máis ou menos directamente”, pero precisou que “convén” imprimir “universalidade a eses mundos de Cunqueiro”.” Vía Galiciaé. Reseñado tamén en Cultura Galega, Xornal, Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.