Reivindicación dos libreiros galegos ante as dificultades económicas

“Os libreiros de toda Galicia conmemorarán este 25 de Novembro o Día das Librarías, data de “celebración” en todo o Estado e que estes profesionais, que están a experimentar un momento de “dificultades” económicas pola baixada nas vendas, pretenden aproveitar para reivindicar o seu papel na transmisión cultural á sociedade. Así o destacou Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros, quen destacou a achega do sector como “eixe fundamental” no proceso educativo, cultural e pedagóxico dos cidadáns galegos. Deste modo e fronte ao “ocaso” que ven algúns pola proliferación das novas tecnoloxías, “cada vez fálase máis do libro” e se “le máis”, con índices de lectura que “pouco a pouco van mellorando” e no que os libreiros cumpren o seu papel de “intermediario” entre “esta enorme selva de papel” e o cidadán. Así mesmo, o 25 de Novembro debe ser unha xornada de “reivindicación” das librarías como “comercio de proximidade” fronte ás grandes superficies comerciais, que “baleiran” os barrios da vida que deben ter ao tempo que se conta “o que se constrúe e non o que se destrúe”. “Temos moitas cousas que facer aínda”, insistiu Patiño, se ben admitiu que o nivel de vendas está a ser “máis baixo” que o ano pasado e que moitos establecementos presentan dificultades, motivadas pola perda de capacidade adquisitiva das familias, que deixaron a algunha libraría nunha situación “incómoda”. Así mesmo, os atrasos no pagamento da ‘gratuidade solidaria’ por parte da Consellería de Educación supuxo algunha quebra polas dificultades “para afrontar pagamentos” a distribuidores, aínda que “por sorte, xa está en camiño de solucionarse” (cun 70% xa pagado). (…) Con motivo do Día das Librarías, o próximo día 25 haberá descontos de ata o por cento nos establecementos, que ampliarán o seu horario ata as 22.00 horas. Así mesmo, están confirmadas máis de 25 actividades por todas as cidades galegas, como lectura pública de obras.” Vía Galicia Hoxe.