“O vigués Xurxo Martínez González recolleu en Mondoñedo o primeiro premio do certame de poesía para novos creadores Díaz Jácome, creado en homenaxe ó escritor mindoniense que fora cronista oficial da cidade. “Recibir este premio foi un recoñecemento a un traballo que non fago habitualmente, xa que o único que escribira ata o momento fora ensaio”, asegurou o gañador ó rematar o acto. O seu poema Nocturno de Mondoñedo, polo que levou 1.500 euros, praca e diploma, é, segundo el mesmo dixo, “un reflexo das lembranzas do pasado que aínda nos resultan incómodas cando as volvemos visualizar unido á sensación de soidade e tranquilidade que transmite Mondoñedo nunha tarde de outono”. Xunto a Martínez, tamén viaxou ata Mondoñedo o segundo gañador, Elías Portela Fernández, que coa súa obra titulada Lingua de lais nas chagas do vento obtivo 600 euros. “Foi toda unha sorpresa recibir este galardón, xa que os versos están baseados nunha lingua artificial: lwyma”, indicou o autor, que ós seus 30 anos xa ten publicados dous libros en galego e outro en islandés, que está sendo récord de vendas e que o próximo mes de xaneiro sairá á venda tamén en galego. A diferenza do gañador, Portela si que é un habitual escritor de poemas, sen embargo, nunca fixera pública ningunha obra nesta nova lingua que sae da mestura de conceptos e imaxes tratados “dunha maneira romántica, coma si se tratara dunha lenda ou dun romanc”. “A verdade é que non estaba moi seguro de presentar estes versos, pero ó final quedou algo interesante e decidinme”, explica. “Conseguir este premio anímame a seguir traballando con este proxecto”. O terceiro premio, dotado con 300 euros, foi para Toda a illa era un enorme penedo atlántico, de Xosé Daniel Costas Currás, que non puido estar presente onte na entrega. Estas tres obras foron os traballos máis destacados de entre a treintena de obras que se presentaron este ano, todas de moita calidade según deu a coñecer o xurado. (…)” Vía El Progreso.