Reportaxe de Xosé Manuel Pereiro sobre Carlos Casares en El País:
“(…) Casares foi, en certa forma, o último galeguista histórico. Non soamente por compartir esa variedade de campos de actuación da Xeración Nós, da creación literaria á acción política, pasando pola promoción cultural, senón porque asumiu e desempeñou o papel de herdeiro cun nítido perfil político e cultural. O gardián da mesa, titulei hai anos unha entrevista súa, en alusión á mesa camilla de Ramón Piñeiro, e fixéralle máis graza que outra cousa. E porque tiña un gusto pola conversa e unha arte practicándoa inusuais no seu tempo. Tamén, igual que agora Rivas e Freixanes, Casares foi o primeiro escritor digamos profesional. Unha década debería ser tempo bastante para analizar como esas facetas —a política, a pública— influíron ou non, e como, na súa literatura. “A súa obra resiste o paso do tempo. Na división dun crítico norteamericano entre escritores ‘peles vermellas’ e ‘rostros pálidos’, el sería dos segundos, polo seu esmero na técnica e na procura da racionalidade. Pero o que vai emerxendo é a literatura, non nos acordamos de se Valle-Inclán tiña ou non a medalla de Isabel a Católica”, di o autor coruñés. “Tiña opcións persoais, defendeunas con sinceridade, e nalgún caso foi incomprendido. Tiña unha dimensión cívica da vida, e non distinguía entre o papel de escritor e o de cidadán. Hai xente á que lle favorecen os compoñentes extraliterarios, e a el non”, sinala o escritor e editor pontevedrés. “A súa obra ten unha enorme eficacia comunicativa e esixencia estilística, aínda que ás veces parece fácil. Hai quen se dedica a decorar unha ventá e quen fai a ventá para que se vexa a paisaxe”, conclúe Freixanes. (…)”