“O Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores, convoca o I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, que se rexerá polas seguintes bases:
– Primeira. Poderá concorrer ó premio calquera persoa física que presente a súa obra en lingua galega, conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG.
– Segunda. Os poemas serán orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarando deserto o premio.
– Terceira. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos e serán de tema libre.
– Cuarta. Deberán presentarse catro copias en tamaño DIN A4 impresas a dobre espazo.
– Quinta. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor ou autora, sendo presentados cun lema e título. En sobre á parte e cerrado constará o lema e o título no exterior e, no interior, o nome e apelidos do autor ou autora, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI polas dúas caras ou, de ser menor, fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso. O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.
– Sexta. O prazo de admisión de orixinais remata o día 2 de xullo do ano 2012, considerándose incluídas neste prazo as obras que, enviadas por correo, presenten selo postal de orixe con esta ou anterior data. As obras deberán enviarse ó seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación: I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
– Sétima. O Xurado, que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e mais un representante do concello con voz e sen voto que actuará como secretario, emitirá o seu fallo en setembro de 2012. A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada ós autores seleccionados mediante correo certificado. A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no outono. No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
– Oitava. Este concurso consta de tres premios:
* Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
* Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
* Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
– Novena. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello de Mondoñedo, para a primeira edición da obra, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.
– Décima. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
– Undécima. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
– Duodécima. O fallo do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”