“A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa, convocan o XII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro. Nace este premio en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.
1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 200.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada. Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.
3. O tema dos ensaios será libre, mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, indicando no sobre XII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 31 de outubro do ano 2012 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros, que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderá ser declarado deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición do texto gañador. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o autor ou para quen el libremente determine.
9. Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección Ensaio, salientando na cuberta, á par da editorial, o logotipo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: a Xunta de Galicia e o Grupo Gas Natural.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas.
11. A interpretación destas bases corresponderá exclusivamente ao xurado, cuxos membros, en número de cinco, serán nomeados de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos concursantes.”