“Carlos Casares non tivo tempo de administrar a súa posteridade. Se toda morte é prematura, a súa ademais foi repentina. Levouno un infarto en marzo de 2002, case sen avisar. Aínda non cumprira 61 anos. Transcorrida unha década, o seu legado (oficial) fica case intacto na antiga Reitoría de Vigo, onde se mudou en xaneiro a fundación consagrada ao seu nome. Pendente aínda de traslado á Cidade da Cultura, o fondo está a ser dixitalizado aos poucos. Estímase que cando remate este curso haberá 9.000 páxinas e 3.500 imaxes ao dispor de Galiciana, a biblioteca virtual do país. No material de acceso público a través da rede haberá de todo. Apuntamentos, cartas, bosquexos que nunca madureceron, traducións inéditas, conferencias, esquemas, entrevistas e mesmo papeis que aínda demandan un sentido. Estarán tamén as súas axendas e diarios, como o que detalla cada xuntanza da revista Grial a partir de 1989, ou os orixinais da súa produción literaria. Soamente d’O sol do verán (2002), a súa novela póstuma, consérvanse catorce versións diferentes. (…)” Desde El País.