Remataron as V Xornadas de Literatura de Tradición Oral

Rematou a V edición das Xornadas de Literatura Oral, que tivo como lema Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, consolidándose como formato que combina o estudo, a divulgación e o ensino de tradición oral, cun seminario de conclusións, unha sesión eminentemente práctica e participativa na que os/as asistentes tiveron a oportunidade de achegar as lendas de mouros/as das que teñen coñecemento, sexan procedentes da comarca de nacemento ou da de residencia permanente ou temporal. Estas lendas, que constitúen unha mostra representativa da variedade temática e xeográfica deste tipo de relatos, serán incorporadas ao libro de actas das xornadas, xunto cos textos dos relatorios e coas transcricións das mesas de debate. Este libro incluirá tamén un DVD coa gravación en vídeo das xornadas, co obxecto de que se convirta nunha ferramenta útil para a reflexión e o ensino da literatura de tradición oral. Para este efecto, cada centro de ensino da provincia de Lugo recibirá un exemplar antes de fin de ano.
As xornadas comezaron o venres 19 de outubro, cunha conferencia do antropólogo, escritor e músico tradicional, Rafael Quintía, que supuxo unha excelente introdución a esta mitoloxía que, segundo este autor, permite “unha procura de nós mesmos”, e quen fixo un amplo percorridos sobre o seu reflexo na toponimia.
Alexandre Parafita, profesor na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, fixo unha exposición sobre estas lendas no país veciño cunha conferencia con título Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades. Ambos especialistas partillaron posteriormente unha mesa redonda, que se converteu nun interesante debate sobre as hipóteses que as últimas investigacións achegaron sobre esta mitoloxía.
A xornada do sábado abriu cunha conferencia da Mar Llinares, profesora da USC e autora de Mouros, ánimas, demonios. El imaginario popular gallego, e diversos artigos sobre antropoloxía e muller en Galicia. Foi precisamente esta última liña de estudo a que desenvolveu para achegar ao público asistente unha reflexión sobre as imaxes femininas na mitoloxía popular galega.
Seguidamente foi Jesús Suárez López, responsábel do Arquivo de Tradición Oral no Muséu del Pueblu d’Asturies, quen focalizou a súa intervención nos tesouros dos mouros, achegando testemuñas de persoas que dedicaron moito tempo da súa vida á busca dos tesouros de mouros e mouras en Asturies.
Estes encontros tiveron lugar nas instalacións do Edificio da Deputación Provincial de Lugo, entidade que apoia este evento desde a súa primeira edición, en 2008.
A AELG traballa xa na edición das actas, que serán enviadas aos centros de ensino e bibliotecas da provincia de Lugo antes de fin de ano.