Pere Tobaruela irá publicando, a partir do venres 23 de novembro, capítulos da novela por entregas Sempre perden os mesmos no blog creado expresamente para ela, e da que hai un evento creado en facebook. Segundo o autor, “Nesta novela participan personaxes diversos: un xastre centenario, o director dun xornal de ámbito comarcal, un matrimonio de orixe alxeriano, un corresponsal de guerra, un filósofo de renome internacional e un profesor universitario africano, por citar algúns. Seguindo o fío das palabras destes personaxes, Sara Martí, protagonista da novela, constrúe unha memoria colectiva salpicada sobre todo de recordos amargos: o exterminio nazi, o mal trago dunha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial instaurado na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, a historia dun desamor… Recordos, todos eles, contados desde o fracaso, mais cun marcado acento reivindicativo. Sara Martí é, de feito, unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. E con esta mirada particular explícaa a través dos seus artigos de opinión en Cousas nosas.”