“Emoción, humor, poesía, reflexión, beleza, ilusión, historias, experiencias,… son o alento co que o FIOT impregna ao outono de Carballo. En tempos de incerteza, continuamos ofrecendo “pracer intelixente” (como di o lema dunha das compañías presente no programa deste ano), e seleccionamos o mellor das carteleiras para que o teatro nos facilite a entrada no inverno.
Preséntase o 22 Festival Outono de Teatro e, nese afán de propoñer un fío que nos leve dun espectáculo a outro, o número que identifica esta edición suxeriunos como tema do festival o das igualdades ou semellanzas, diferencias ou diversidade que existen entre as parellas presuntamente de iguais. A dicotomía igualdade-diversidade é un concepto fundamental relacionado coa nosa identidade, coa cultura e coa capacidade de desenvolvemento da sociedade, que require que sexamos conscientes da mesma.
Este “argumento” percorre, máis ou menos directamente, a maior parte das obras e coa súa elección pretendemos subliñar o compromiso do festival coas preocupacións sociais máis actuais. As perspectivas que ofrecen de achegamento á igualdade-diversidade son múltiples, e van desde as de carácter máis persoal, como as que se producen nunha das relacións máis paradigmáticas, as da parella sentimental, protagonista en varios dos espectáculos que presentamos e na que se incide desde múltiples enfoques, na relación familiar máis primaria, a paterno-filial, na que as confrontacións son parte da evolución, ou as referidas a nós mesmos como individuos que, ás veces, nos preguntamos se estaremos integrados por diversas personalidades. (…)”
Pódense consultar aquí o PROGRAMA e as ACTIVIDADES PARALELAS do Festival.