Desde o blogue de Berta Dávila, Confabulario novo:
“Emma Olsen naceu da entrevisión dunha fotografía de Anne Sexton fronte a unha máquina de escribir, no verán de 2011, mentres viaxaba nun Ferry. A súa voz impúxose sobre a miña e cando cheguei ao porto de Barcelona tiña un caderno ateigado de notas e dúas certezas. A primeira, que odio irremediablemente os barcos, e talvez por iso esta é unha novela de vías de tren que se cruzan. A segunda, que me quedaba por diante un tempo longo de escrita no que habería de facer a viaxe máis difícil de todas as que emprendín: a procura de quen era Emma Olsen e, en definitiva, de quen era eu a través das súas palabras.
Hai poucos días escoitei falar a unha profesora da Universidade das Azores dun escritor luso, Afonso Cruz, quen afirmou nunha entrevista: “a ficción é a mellor maneira de dicir aquilo que xulgamos verdadeiro”. A ficción, xa que logo, é unha máscara, si, mais tamén unha caixa de segredos, un lugar ao que sempre se lle pode chamar casa e ao que sempre se pode regresar, igual que Emma regresa a Faith, a súa cidade natal, para contar unha historia soterrada durante moito tempo.
Ela explícao así:
Díxome unha vez o señor Montana que a cualidade de todas as grandes historias é que poderían ter ocorrido en calquera parte do mundo. Eu creo que a miña só pertence a Faith e que fóra de Faith ficaría como unha pinga de lixivia no medio do océano. Talvez porque tampouco é unha grande historia. Pero é a miña, a nosa, e aquí fírenos como se a pinga de lixivia caese no medio da pupila, como se atravesase todo o importante de lado a lado. Porque Faith, que está no medio dun círculo xigante, no centro exacto de nada, a cen millas de calquera lugar minimamente interesante, é todo o noso mundo e nada máis nos importa. E aínda que todos desexabamos vivir en Nova York cando eramos novos, ou en calquera outra cidade sempre que non fose Faith, o certo é que no medio de ningunha cousa é posible notar que hai algo que te pertence.
Por iso estou segura de que todos os habitantes literarios que poboan a cidade deste libro sentirán o lugar que inventei para eles como o único posible para contar a historia de Emma e Clarisa, personaxes que transitan as marxes e os límites da amizade, a devoción, o amor e a chantaxe, as fronteiras da propia identidade e un desexo de fuxir auténtico, o de quen non sabe que é exactamente iso do que se fuxe e aínda non descubriu os por qués fundamentais. A historia de como se derruba unha relación entre dúas persoas que se queren demasiado, e de como a inminencia da morte serve para revelar o que máis nos importa.
Outra vez Emma Olsen cóntao moito mellor ca min:
Naquel ano derradeiro que pasamos xuntas, xa non comprendía nada de como era Clarissa e comezaron a renxer as estruturas da nosa historia común. Como ocorre cos castelos de naipes, despois de retirar a primeira carta dos alicerces da estrutura, foron caendo o resto, até que onde un día houbera un edificio non quedou máis que un fato de lastras sobre a mesa que nin sequera proxectaban sombra. Sei que é unha metáfora eslamiada, mais non se me ocorre outra. Clarissa semellaba un artefacto delicado e imprevisible e eu só podía desexar que non rebentase con todo ao seu paso, que a bomba non me estalase a min nas mans.
Por iso non sei como falar dos derradeiros meses que pasei con ela, nin como contar o que me resta por contar, e temo que ninguén entenda verdadeiramentea a necesidade do meu relato, que o consideren un delirio da que vai morrer e non quere. Talvez levarían razón nisto último. Hoxe mireime no espello e vin un cadáver movendo as mans. Non debería dicilo, porque é un comentario morboso, mais iso é o que vin. En boa medida estou aquí para evitar mover o meu cadáver en actos públicos de recoñecemento que, con certeza, serían celebrados na miña honra se algúns colegas coñecesen o avanzado da enfermidade. O espello bástame para contemplarme así. Ademais, ese tipo de homenaxes cobren todo dunha pátina de grandeza que anticipa as exequias que virán. Con frecuencia, negan a morte de xeito absurdo entre aplausos festivos. E se a escrita fose tamén un xeito de negación, de resistencia, prefíroa a calquera outra cousa.
Eu, como Emma, tamén prefiro a escrita a calquera outra cousa. As palabras salváronnos ás dúas de ficar pechadas para sempre en Faith. A Emma a a min, enfrentadas unha á outra.
E agora que ela é de tinta e papel e que xa non estamos soas e perdidas nun barco no medio do mar, senón nas mans de todos vostedes, só me resta dar as grazas a todos os que fixeron iso posible.”