Con motivo da súa visita a Galiza tras ser premiado como Escritor Galego Universal de 2014, Bernardo Atxaga ofreceu unha conferencia o día 2 de maio, venres, ás 20:00 no Pazo de Mugartegui do Concello de Pontevedra. O día seguinte recolleu o galardón na Gala das Letras que se celebrou tamén ás 20.00 no Teatro Principal da mesma cidade.
Este é o texto da presentación da conferencia do día 2 a cargo de Ramón Nicolás:
“Boa tarde. Preparando esta brevísima intervención decateime que a descuberta da existencia dun escritor eúscaro, que se chamaba Atxaga, produciuse hai por volta de vinte e cinco anos con ocasión de preparar algún tema dunhas oposicións ao ensino. Entre temas que circulaban libremente dei cunha proposta de traballo que amosaba dous poemas confrontados, para analizar, subscritos por un tal Celso Emilio Ferreiro, por un lado, e por Atxaga, probablemente do poemario Etiopía, polo outro, con dúas fotos, ademais, nas que os autores se miraban un ao outro sorrindo. Non conservo aquel texto, nin lembro sequera os poemas concretos, mais si reteño a lembranza exacta daquela fotocopia que, non sei a razón, ficou gravada nos arquivos da memoria. Pasados os anos pregúntome se a aquilo se debería chamar epifanía, se foi un momento cando os astros se alinearon ou se se trata doutra mostra máis do que un amigo meu chama “providencia laica” pois nunca sospeitaría que aqueles dous autores, que se ollaban fronte a fronte, cos seus poemas por baixo, ían ocuparme tanto e tan gozosamente no que estaba por vir; ían posibilitar que gustase máis da literatura, que esta me permitise manter unha actitude na que aínda hai lugar para as descubertas, para o que non se agarda, para a aprendizaxe como lector, como crítico literario, como docente, como persoa: no caso do poeta de Celanova en moitas frontes, no caso de Atxaga en primeira instancia como lector e, con fortuna e mercé á confianza que depositaron no meu traballo dous selos editoriais como son Edicións Xerais de Galicia e Kalandraka, como tradutor. (…)”
O texto completo pode ser consultado aquí.