Roberto Pascual reivindica “a dignidade do oficio do teatro” na inauguración da Mostra de Ribadavia

DesdeRoberto Pascual Praza:
“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia celebra o seu 30 aniversario, de novo convertendo esta vila ourensá nun dos referentes das artes escénicas na Península Ibérica. Arrincou este sábado, cun acto no que o seu director, Roberto Pascual, destacou que nas artes escénicas galegas “aínda son moitos os voluntarismos e as precariedades que cómpre solventar para vehicular do xeito máis profesional, ambicioso e eficiente todo o que atrae a esta gran conxunción de astros que nos alumean cada noite nestes escenarios”. Pascual sinalou que “ao igual que os traballadores dese xulgado de en fronte que queren pechar, os distintos traballadores da escena levan reivindicando a dignidade para o seu oficio con moito máis tempo ca outro sector nun país que aínda non dá síntomas de aproximarse a outros países da súa contorna en termos de estabilidade, estímulo e difusión do seu patrimonio activo da escena”.
O director da Mostra pediu un maior apoio para a MIT e sinalou que o evento “dá os pasos que o terreo lle permite dar e ás veces moitos máis, discretamente, para saltar as fochancas. Sería decepcionante que ese terreo non se acondicionase, mellorase, actualizase progresivamente”. No acto Cándido Pazó recibiu o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño, destacándose que “Pazó é hoxe, ademais dun destacado representante da arte da oralidade, un dos dramaturgos máis prolixos a pé do escenario, analítico coa realidade circundante e coa historia e moi aplaudido polo público”.
Ademais das representacións, na edición deste ano cómpre salientar a realización dun curso intensivo de clown co actor arxentino Roberto Iván Moschner, a resolución do 9º Premio Abrente de textos teatrais e a posta en marcha de blogs específicos de críticas dos espectáculos en galego e castelán, elaborados polos críticos Camilo Franco, Manuel Xestoso, Inma López Silva, Carla Capeáns ou Fabrice Corrons. Para os responsables da Mostra estas actividades “axudan a definir o festival como rede”, pois en palabras de Roberto Pascual: “os festivais deben ser un sólido complemento e non un paliativo, un estímulo e non un foguete e nese sentido radica tamén o compromiso da MIT coa sociedade e coas artes galegas”. (…)”