Anxos Sumai estrea espazo web con vida literaria propia

DesdeAnxos Sumai BiosBardia:
“A nova web da escritora Anxos Sumai (anxossumai.com) é de momento, un espazo no que localizar facilmente a súa obra e os seus datos biográficos, cun deseño áxil e limpo. Mais a intención da narradora é dotala de vida propia a través da creación literaria específica para a páxina electrónica.
De momento, na sección de Relatos, Sumai incluíu textos xa publicados noutros medios, caso da revista Grial, o xornal El País ou Xurdimento, boletín do Centro Galego de Lleida. Mais entre estes, destacan dous títulos que permanecían inéditos até agora: “Doce sensación de amor”, datado no 2011 e “Claustrofobia”, rematado no 2008.
“Claustrofobia” é un relato que se pode definir como de terror, co habitual estilo de intriga psicolóxica que tan ben domina a autora catoiresa. Consegue con mestría traspasar a lectura do plano cotián a un plano literario neste caso aterrador.
“Doce sensación de amor” tamén ten como centro a cotidianidade. Desde a ollada dun neno de cinco anos, con grande economía de medios, Sumai tece unha arañeira de emocións encontradas, cun final moi aberto.
Cada relato dos publicados até o momento vai acompañado dunha fotografía realizada pola autora.
Anxos Sumai pretende ofrecer novos relatos especificamente creados para a web ou rescatados do seu material inédito.