Ao longo de 30 capítulos, Agustín Fernández Paz foi tecendo, coa documentación utilizada para a novela A viaxe de Gagarin, un hipertexto paralelo á obra de ficción no blog da obra:
“As intencións do autor:
Este blog xorde coa publicación da novela A viaxe de Gagarin (Edicións Xerais, 2014). Non pretendo que nel aparezan nin comentarios nin explicacións sobre o libro. A novela é un texto autónomo, sería inadecuado que eu tentase explicar aquí as ideas e obsesións que me levaron a escribila: está publicada e ten que se defender soa. O contrario, dalgún xeito, sería ofender a intelixencia das persoas que se acheguen a ela, pois a lectura é un proceso activo e persoal que non precisa de inxerencias do autor.
A documentación que manexei pareceume tan rica e interesante que me pareceu oportuno compartila coas persoas que o desexen, en vez de deixala, coma outras veces, arquivada nunha carpeta do ordenador. Creo que lles interesará a quen lean o libro: saberán máis dos cambios que trouxo a década dos sesenta, especialmente na España da ditadura, a etapa en que suceden os feitos narrados n’A viaxe de Gagarin. E tamén lles ha interesar ás persoas que non lean o libro, pois son informacións con interese de seu.
Esta é a última entrada do blog.”