Artigo de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Unha vez ao mes un relato longo e cada semana un breve. Así son os agasallos que publica na rede a escritora Anxos Sumai, pioneira na escrita en internet con proxectos como Anxos da garda. A maior parte dos relatos son de nova creación aínda que a escritora aproveita tamén para disponibilizar textos dispersos en revistas e outras publicacións.
“O feito de publicar con periodicidade obrígame a manter unha disciplina na escrita que agradezo. Por riba, establécese unha relación directa cos lectores e lectoras que xa botaba de menos”, afirma esta escritora que conta cunha sólida páxina web que creou á maneira de centro de documentación persoal. O relato curto publícase directamente no facebook e os longos, que saen o primeiro día de cada mes, anúncianse nesa mesma rede social e dirixen directamente a súa páxina persoal.
A escritora mostra nestes novos traballos literarios unha faceta súa menos coñecida, a de amante da fotografía. “Sempre me gustou e a miña obra está chea de imaxes mais agora tomo a fotografía máis en serio, formando parte da miña creación. Imaxe e texto están moi vinculados no relato”, afirma Sumai que leva xa publicados 18 relatos extensos na rede, todo un conxunto literario para unha escritora que dilata o tempo de publicación dos seus libros e ten un público fiel que agarda cada un dos seus agasallos.
Unha imaxe da súa autoría que titula “Cestas de allos nun almacén de Puerto Montt (Chile)”, datada en 2009, ilustra o último dos relatos publicados, escrito en Catoira neste mesmo mes de abril e titulado “Enchentes de primavera”. “Allos e laranxas. Ás oito da mañá o sol empezaba a quentar e o ceo collía un ton alaranxado. A viaxeira espertou, aseouse no baño que compartía co resto dos hóspedes e vestiu roupa de abrigo”, comeza o agasallo de maio, recén saído da factoría literaria da autora. Con anterioridade, Sumai ofreceu o texto titulado “O vello e as baldosas”, emitido na sección semanal “Perigosamente normais”, do Diario Cultural da Radio Galega en marzo de 2006.”