Desde o blogue de Eli Ríos:
“O venres 17 de xullo, na Deputación de Ourense, Patricia Román máis unha servidora puidemos ter entre as nosas mans a obra Bicha. Foi realmente emocionante porque era a primeira vez que entrabamos en contacto todos os elementos xuntos.
Para quen non puidestes estar alí, déixovos, aquí, o meu agradecemento do XII Premio Pura e Dora Vázquez:
“En primeiro lugar quería darlle os parabéns a Patricia Román por este premio e agradecerlle as fantásticas ilustracións que realizou para Bicha. Se xa é dificil realizar unha ilustración con alguén con quen tes compenetración… facer o que fixo ela é incrible. De feito xa non son quen de recordar as personaxes que imaxinei. Agora só podo velas como ela as debuxou.
En segundo lugar, pero non só non menos importante senón fundamental. Agradecerlle a todas as persoas que nos tiveron a paciencia inmensa nos períodos de facer real este libro que hoxe aquí presentamos. Javier, Alfonso, María José, Tórculo Edicións (aos que mareamos ben mareados!) e, en especial, a Ana porque a pobriña non só tivo que aguantar as loucuras creativas senón unha “fuxida de tellado” pola que me quero desculpar publicamente. Cando me chamou para comunicarme o fallo do xurado deuse unha situación surrealista porque me colleu co pé cambiado e lembro que só acertei a preguntarlle: Pero estás segura que son eu? E alí se puxo a reler a acta e a comprobar que eu realmente era eu. Grazas Ana por non colgarme o teléfono nese momento de dúbida existencial.
E, tamén, á Deputación de Ourense, a todas as persoas que facedes posible este premio e ao xurado porque é unha honra levar un premio con nome de muller. E de dúas mulleres como Pura e Dora Vázquez! Elas que nos abriron o camiño ás demais e nos mostraron que outra forma de facer as cousas é posible incluso nun xénero tan maltratado como a literatura infantil.
Por último, gustaríame recoller unha pregunta que facía Pura Vázquez no seu poema Visitas ao Bosco: ”(¿E si o lobo se casara/ coa nena Caperuciña?)“ Con esta pregunta convídovos a entrar en Bicha para darlle a volta aos prexuizos sobre a literatura infantil e á invisibilidade das mulleres na escrita, para seguir o camiño aberto por Pura e Dora Vázquez e para que, espero e desexo, desfrutedes dunha obra escrita e ilustrada por mulleres porque a bicha non existe desde o individual senón que todas e todos facemos parte dela. Moitas grazas.”