Reproducimos polo seu interese o artigo do avogado Carlos Muñoz Viadas, asesor xurídico da Asociación Colexial de Escritores de España, publicado na web http://acescritores.com/ en 2014 e recuperado en 2015 polo seu interese.
A SITUACIÓN DOS ESCRITORES FRONTE Á SEGURIDADE SOCIAL
A situación dos escritores fronte á Seguridade Social é un tema que desde a Asesoría Xurídica da A.C.E. nos vén preocupando e moito, e entendemos que se debería tentar facer algo para emendala.
Déuseme traslado dunha documentación remitida por un dos nosos asociados na que manifesta a súa preocupación por esa situación, á que acompaña a resposta remitida pola Seguridade Social a unha consulta que fixo a través da Caixa de correos de Consultas da Seguridade Social.
O primeiro que quero sinalar é que entendo que debe tratarse dunha consulta non vinculante, pois non estou de acordo co seu contido, que penso que é erróneo. Efectivamente, como se di no propio texto da resposta, desde o 1 de xaneiro de 1.971 até o 31 de decembro de 1.986 os escritores estaban encadrados no Réxime Especial da Seguridade Social dos Escritores de Libros, réxime regulado polo Decreto 6262/1970, de 29 de outubro (BOE 17-11-1970), e que establecía, no seu artigo segundo, os criterios para determinar quen tiñan a obriga de cotizar neste réxime.
Así, este artigo establecía que estaban encadrados nese réxime os escritores profesionais de libros, e que a profesionalidade viña determinada por:
– A publicación por conta allea e en edicións comerciais de cinco libros.
– Ou, alternativamente, percibir de empresas editoriais, en concepto de liquidación de dereitos de autor ou de premio, unha suma non inferior a cento cincuenta mil pesetas (901,52€).
Con todo, o Decreto 3262/1970, de 29 de outubro, que regulaba o Réxime Especial dos Escritores non está xa en vigor, pois foi derrogado polo Real Decreto 2621/1986 de 24 de decembro, pasando nese momento os escritores a abandonar o Réxime Especial de Escritores de Libros e a integrarse no RETA (Réxime Especial de Traballadores Autónomos).
Por tanto, desde a entrada en vigor do Real Decreto 2621/1986 os criterios de profesionalidade recollidos no Decreto 3262/1970 xa non están en vigor, e por tanto, non poden servir de argumentario á hora de determinar a obrigatoriedade que ten agora un escritor á hora de darse de alta e cotizar no réxime de autónomos.
Na miña opinión, para determinar hoxe en día se un escritor debe darse de alta na Seguridade Social, hai que ter en conta os criterios recollidos na normativa xeral que se aplica a todos os traballadores autónomos, idea que vén reforzada polo feito de que a propia Seguridade Social, dentro da enumeración que fai de quen están incluídos no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) establece expresamente que, entre outros, están incluídos os escritores de libros.
Aos efectos deste Réxime Especial, entenderase como traballador por conta propia ou autónomo, “aquel que realiza de forma habitual, persoal e directa unha actividade económica a título lucrativo, sen suxeición por ela a contrato de traballo e aínda que utilice o servizo remunerado doutras persoas, sexa ou non titular de empresa individual ou familiar”.
Á vista disto, a postura da asesoría xurídica fronte aos seus asociados foi a seguinte, dependendo do tipo de escritor ao que afecte:
– Os que denominamos escritores profesionais, que serán aqueles que non realicen ningunha outra actividade económica ou laboral distinta da escritura.
– Os que denominamos escritores accesorios, que serán aqueles que dispoñan dun contrato laboral cunha empresa ou organismo público, da que obteñan os seus principais ingresos, constituíndo a escritura unha actividade secundaria e accesoria.
Os escritores profesionais.
Con este grupo témolo claro: estarán obrigados a darse de alta neste Réxime Especial de Autónomos, cotizando durante o ano 2.014 ao tipo do 29,9% (26,50%, se renuncia á cobertura por incapacidade temporal), podendo elixir a base entre un mínimo (875,70€) e un máximo (3.597,00€) que se actualiza cada ano. É dicir, no ano 2.014, a cota mínima mensual que terá que pagar calquera escritor profesional é de 261,83€. A pesar de que neste punto a postura xurídica está clara, na miña opinión os escritores, igual que lles pasa ao resto de colectivos autónomos, teñen que pagar unhas cotas inxustas, que os sitúan na franxa máis alta de cotizacións mínimas por autoemprego de toda a UE. E a isto habería que engadirlle outra inxustiza máis: neste país é posíbel ter un emprego por conta allea dunha hora de duración á semana, pero non é posíbel ser autónomo a tempo parcial, nin ter unhas cotas progresivas adaptadas ao volume real de facturación.
Por iso, creo que se debería tentar modificar a situación dos escritores profesionais e do resto de colectivos autónomos no noso país.
Os escritores non profesionais.
Este é, sen dúbida, o grupo máis problemático, máxime se temos en conta que dentro do mesmo existe unha ampla e variada gama de posibilidades. Segundo a resposta da Seguridade Social xa comentada, terían que darse de alta aqueles que teñan publicados máis de cinco libros ou que obteñan en concepto de dereitos de autor máis de 901,52€ anuais, o que abarcaría a práctica totalidade dos nosos asociados. Con todo, este criterio quedou derrogado e non pode servir de base para determinar a obrigatoriedade dos escritores a darse de alta no RETA. O criterio que vale é o establecido na lexislación relativa ao RETA, que se limita a dicir que terá que darse de alta “aquel que realiza de forma habitual, persoal e directa unha actividade económica a título lucrativo, sen suxeición por ela a contrato de traballo e aínda que utilice o servizo remunerado doutras persoas, sexa ou non titular de empresa individual ou familiar”. Non cabe dúbida de que se trata dunha definición bastante ambigua, e que por iso hai que ter moi en conta a interpretación que os xuíces veñen facendo dela. Dentro deste proceso de interpretación ten especial relevancia o adxectivo “habitual”, que segundo o dicionario da Real Academia Española significa: “Que se fai, padece ou posúe con continuación ou por hábito”. Así, aqueles casos nos que quede claro que a actividade “habitual” do suxeito é a de traballador por conta allea, e que a de escritor constitúe só unha actividade esporádica e non habitual, non existirá a obrigación de darse de alta no RETA. A xurisprudencia a este respecto é variada, e aínda que os tribunais fallaron en varias ocasións a favor do traballador, a Seguridade Social é moi receosa á hora de normalizar esta situación, o que significa que existe a posibilidade de que o suxeito teña que enfrontarse a unha denuncia da Seguridade Social e ter que demostrar ante os tribunais que a súa actividade de escritor non é habitual.
A continuación paso a expor a postura da xurisprudencia sobre a “habitualidade”, aínda que quero sinalar que non puiden atopar ningunha resolución específica sobre os escritores (tampouco dispuxen do tempo suficiente para facer unha procura exhaustiva): “Os Tribunais veñen estimando a superación do limiar do salario mínimo interprofesional percibido no ano natural, como indicador da mesma. Así foi a sentenza do Tribunal Supremo de 29-10-97, a que sentou este limiar para o caso concreto dos subaxentes de seguros.” Posteriormente, RX 7683; TS 20-3-07, RX 3185; TSX Madrid 2-11-00, AS 342; TSX Cataluña 23-1-01, AS 670; din que se poden ter en conta non só os ingresos senón tamén os gastos, co que se valorarán os ingresos netos (TSX C. Valenciana 21-6-00, AS 4349).
Doutra banda, non é o mesmo habitualidade que periodicidade. Fai falta que a actividade, aínda que periódica, constitúa un medio de vida, polo que se considera incluído dentro do campo de aplicación deste réxime especial cando a actividade é fundamental para atender as necesidades (TSX Castela e León 27-5-97, AS 1712); e non así cando se trata dunha actividade complementaria ou marxinal (TSX Castela-A Mancha 19-6-00, AS 2142). A pesar de que esta era a postura xeral da Seguridade Social fronte ao tema da “habitualidade”, até a data o colectivo dos escritores de libros non se viu perseguido (o que non significa que non vaia selo a partir de agora), e a grande maioría dos nosos asociados veñen compatibilizando o seu traballo habitual, coa súa correspondente inscrición no réxime xeral da seguridade social, coa actividade de escritor sen estar dados de alta no RETA. En calquera caso, levo un tempo preocupado, temendo que en calquera momento a Seguridade Social se lance sobre o noso colectivo e empezo a reclamar cotas de seguridade social de autónomos a todos aqueles escritores que con esta actividade, aínda que sexa unha segunda actividade, obteñan liquidacións anuais por riba do salario mínimo interprofesional.
Con todo, non quero pechar este tema sen ter en conta o disposto na Lei 40/1998, de 9 de decembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas físicas, cuxo Capítulo I está dedicado á Definición e Determinación da renda gravábel:
A SECCIÓN 1ª – RENDEMENTOS DO TRABALLO
Artigo 16: “Consideraranse rendementos íntegros do traballo todas as contraprestacións ou utilidades, calquera que sexa a súa denominación ou natureza, de diñeiro ou en especie, que deriven, directa ou indirectamente, do traballo persoal ou da relación laboral ou estatutaria e non teñan o carácter de rendementos de actividades económicas.
2. En todo caso, terán a consideración de rendementos do traballo:
c) Os rendementos derivados de impartir cursos, conferencias, coloquios, seminarios e similares.
d) Os rendementos derivados da elaboración de obras literarias, artísticas ou científicas, sempre que se ceda o dereito á súa explotación.
3. No entanto, cando os rendementos a que se refiren as letras c) e d) do apartado anterior e os derivados da relación laboral especial dos artistas en espectáculos públicos e da relación laboral especial das persoas que interveñan en operacións mercantís por conta dun ou máis empresarios sen asumir o risco e ventura daquelas supoñan a ordenación por conta propia de medios de produción e de recursos humanos ou dun de ambos, coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos, cualificaranse como rendementos de actividades económicas”.
É dicir, desde o punto de vista fiscal, os rendementos obtidos da actividade de escritor, sempre que a súa explotación se ceda a unha editorial (exclúese o suposto de auto-edición), teñen a consideración de rendementos do traballo, e non a de rendementos de actividades económicas, que só o serán en caso de auto-edición ou auto-produción (cando o escritor achegue recursos para a explotación da súa obra). Isto implica que para a obtención dos primeiros non é necesario estar dado de alta no RETA, mentres que para a dos segundos si é esixíbel estar dado de alta nese réxime. É certo que o ámbito fiscal e o laboral son totalmente distintos, pero entendemos que debería existir unha unidade normativa, e que o mesmo feito non debería ter uns tratamentos tan distintos.
O PROBLEMA DA XUBILACIÓN.
Un tema moi importante e que merece ser tratado nun apartado propio é o da compatibilidade entre xubilación e escritura, pois afecta a moitos dos nosos asociados, e son moitas as consultas que recibimos en relación a este tema. Atendendo á lexislación vixente, en principio a percepción dunha pensión de xubilación é incompatíbel coa realización de calquera traballo do pensionista, sexa por conta allea ou por conta propia, aínda que a Lei establece algunhas excepcións que permiten a súa compatibilización. En concreto, desde a modificación normativa de agosto de 2.011, que entrou en vigor en xaneiro de 2.012, a percepción da pensión de xubilación é compatíbel coa realización de traballos por conta propia, cuxos ingresos anuais totais non superen o SMI (Salario mínimo interprofesional), en cómputo anual. A data de hoxe, o salario mínimo interprofesional para o ano 2.014 quedou fixado en 645,30 euros ao mes. Iso quere dicir que, en teoría, só o escritor que perciba unha cantidade inferior a 9.034,20 euros anuais por dereitos de autor poderá compatibilizar o cobro da xubilación e o cobro de dereitos de autor. Pero que pasa se percibe unha cantidade superior? Aquí hai unha verdadeira lagoa legal, e a resposta non é sinxela, máxime cando levamos varios anos escoitando que está pendente a elaboración dun proxecto de lei que regule a compatibilidade entre pensión e traballo, que desde logo a día de hoxe non existe.
Os xuristas sabemos ben que unha cousa é a Lei e outra ben distinta a súa aplicación, pero, por riba, cando existe un baleiro legal como o presente, o único importante é a actuación dos tribunais nestes casos, e sobre ela diremos que, tradicionalmente, a determinados colectivos (profesións liberais ou conselleiros de empresas) permitíaselles seguir traballando despois de xubilarse, sen necesidade de estar dado de alta no RETA, calquera que fose o rendemento obtido. Até agora, este era o caso que se aplicaba aos escritores cuxos ingresos por dereitos de autor estivesen considerados como renda, con independencia da súa contía. Sempre pensei que ningún tribunal sería capaz de quitar a pensión a un xubilado que dedica os seus anos postremeiros a cultivar unha afección tan saudábel como é a escritura, e que ademais lle permite reverter sobre a sociedade un saber acumulado durante toda unha vida. Con todo, a modificación normativa de agosto de 2.011 estableceu un tope máximo de ingresos a partir dos que se fai necesaria a alta no RETA, con independencia de cal sexa a actividade que os xerou. Ademais, o pasado 16 de marzo de 2013 foi publicado o Real Decreto Lei 5/2013, de medidas para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo, impulsado polo actual goberno. Esta norma permite que os traballadores que accederon á xubilación á chegada da idade legal e que contan con longas carreiras de cotización, poidan compatibilizar a ocupación a tempo completo ou parcial co cobro do 50% da pensión de xubilación que teñen acreditada.
Entendo que estas novas disposicións normativas afectan e prexudican os escritores en xeral e os nosos asociados en particular, polo que recomendo facer o posíbel para a súa modificación ou, cando menos, para que se introduza algunha excepción que nos exima, xa que do contrario calquera escritor que reciba en concepto de dereitos de autor máis de 9.000 euros ao ano tería a obrigación de darse de alta no RETA, coa consecuente perda da pensión de xubilación que estivese a recibir (polo menos do 50%, segundo o novo Real Decreto) e que, nalgúns casos, custoulles 40 anos de cotizacións. A solución, claro, pasa por deixar de escribir e seguir cobrando a xubilación, xa que na grande maioría dos casos, os ingresos da xubilación son superiores aos obtidos da escritura.
En calquera caso, entendo que, cando menos, se debería ter en conta un feito fundamental e diferenciador: non debería ser o mesmo nin debería afectar por igual o cobro de dereitos de autor pola explotación de obras realizadas antes da data de xubilación, que o cobro de dereitos de autor por actividades realizadas unha vez xubilado.
O primeiro dos supostos debería de excluírse do cómputo de ingresos aos que antes faciamos referencia, pois a actividade que xera os dereitos de cobro se realizou antes de chegar á data de xubilación, aínda que a actual redacción da lei non o contempla así. Na miña opinión, estariamos nunha situación parecida ao do titular dun negocio, ao que a lei si permite expresamente compatibilizar o cobro da pensión de xubilación co “mantemento da titularidade do negocio e o exercicio das funcións inherentes a devandita titularidade”.
O segundo dos supostos presenta máis complexidade, pois é certo que se trata de escribir obras despois da xubilación, é dicir, de realizar unha actividade tras a xubilación: escribir.
En calquera caso, son moitos os argumentos que podo expor a favor de que se permita compatibilizar o cobro da pensión de xubilación coa realización de actividades tales como impartir cursos, conferencias, coloquios, seminarios ou a elaboración de obras literarias, artísticas ou científicas, e que se non expoño é por falta de tempo material; pero non quero deixar de sinalar que se non deixamos que os nosos maiores revertan a través de libros, cursos ou conferencias todo o seu saber e experiencia, será enorme o prexuízo que se cause á cultura e á sociedade deste país.
Carlos Muñoz Viada
Avogado