Desde Galaxia:
““Neste libro hai tres celebracións: Roland Barthes, a lingua galega e a filosofía”. Con estas palabras Luis García Soto (A Coruña, 1956) agradeceu o Premio Ramón Piñeiro que, na súa XIV edición, se lle entregou onte pola obra Barthes filósofo, no paraninfo na Facultade de Filosofía de Universidade de Santiago de Compostela.
Luís G. Soto, profesor nesta facultade, da que foi decano durante anos, reivindicou a filosofía como a gran ponte para a vida e o coñecemento, e a lingua galega coma unha gran rede de relación, afectos e socialización “que se tece arredor de nós e nos dá sentido e identidade”. Respecto a Barthes, filósofo que vén ocupando unha parte importante da actividade intelectual do premiado, este ano cúmprense cen anos do seu nacemento. “Esta obra, escrita en galego, enriquece a bibliografía sobre un autor fundamental no pensamento contemporáneo e, ao mesmo tempo, nos posiciona nos debates que se están a celebrar en toda Europa sobre o seu pensamento”.
Uxía Rivas, profesora na facultade, actuou de madriña na presentación, cunha analise sobre a obra premiada, e o vicerrector de oferta docente, Roberto López, que presidíu o acto, citou a Emilio Lledó para reivindicar oa estudos de filosofía, hoxe ameazados por unha concepción mercantilista das humanidades, marxinadas dos planos de estudo das universidades pola cultura do diñeiro e do utilitarismo “que simplifican e deforman a realidade, eliminando o pensamento crítico”.
O Premio Ramón Piñeiro, centrado no xénero de ensaio, convócase todos os anos pola Editorial Galaxia co patrocinio de Gas Natural Fenosa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. En palabras de Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, “o ensaio é un xénero de madurez que aposta polo cualitativo fronte ao cuantitativo e que está na mellor tradición do catálogo da editora. (…)””