“Con motivo da celebración do Día Internacional da Poesía (21 de marzo), a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, convoca o III Certame de Poesía no cal poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos.
Condicións de presentación das obras
O certame consta de dúas seccións:
· Poesía en galego.
· Poesía en castelán.
Cada participante só poderá presentar unha única composición poética optando por unha das dúas seccións: en galego ou en castelán. Quedará descualificado quen presente composicións poéticas en ambas as dúas seccións.
A extensión máxima admitida da composición poética será dun (1) folio escrito a ordenador por unha cara con fonte Arial de tamaño 11 e interliñado de 1’5. Poderá empregarse calquera forma poética (haiku, soneto, verso libre…).
As participacións deberán entregarse no Mostrador de préstamos e devolucións da entrada (planta baixa da Biblioteca).
Os poemas presentaranse sen asinar, cun pseudónimo, e introduciranse nun sobre pechado. No exterior do mesmo o participante deberá escribir os seguintes datos:
· III Certame de Poesía na Biblioteca Pública da Coruña.
· Sección elixida (galego / castelán).
· Pseudónimo do autor/a.
No interior do envoltorio incluirase esta información:
· Folla da composición poética.
· Un sobre pechado cunha folla na que aparezan estes datos persoais do autor/a: pseudónimo, nome e apelidos, teléfono/s, correo electrónico, DNI.
Prazo de presentación: do 10 de febreiro ao 21 de marzo de 2016.
Haberá dous premios aos mellores poemas en lingua galega e outros dos para os escritos en castelán.
Fallo do premio e entrega aos agraciados de lotes de libros e/ou outros documentos o venres, día 22 de abril (ao día seguinte celébrase o Día do Libro) nun acto que se anunciará previamente, e que terá lugar no salón de actos, ás 13 horas.”