Desde Galaxia:
“O semanario Sermos Galiza publica un texto no que Antón Riveiro Coello ofrece as claves da escrita de Os elefantes de Sokúrov. (…). De seguido, ofrecemos o texto completo: (…)
Hai xa catro anos, nunha entrevista no Faro de Vigo ao redor de Laura no deserto, cando a xornalista me preguntaba sobre a teima dos autores para falarmos do pasado, eu recoñecía que nas literaturas había un déficit de actualidade, entre outras cousas, porque ás veces os autores precisamos de certa distancia para comprender o que está a acontecer. Naquela altura, tamén explicaba que, aínda que falemos do pasado, o presente sempre actúa e se entremete, e a nosa ollada do pasado é unha ollada dende o presente, condicionada pola nosa forma de pensar actual, coa nosa opción política e filosófica de entender o mundo. O certo é que esa resposta espontánea, e defensiva, ficou levedando na miña cabeza até que me fixen a pregunta: por que non? E así, mentres saboreaba un café na Gramola, coa chuvia a bater na fiestra que dá á praza de Cervantes, tomei as primeiras notas do que ía ser unha novela contemporánea. E alí, unha tras outra, foron xurdindo as ideas e comecei escribindo, nese Nadal de 2012, dende o presente, pero, como situei a novela en dez días, finalmente acabei escribindo do pasado, dun pasado recente, pero pasado, a fin de contas. Con todo, atrévome a dicir que é unha novela do presente, talvez dun presente continuo, pois moitos dos problemas tratados na novela, como a crise, seguen sen unha solución clara. Polo tanto, Os elefantes de Sokúrov coido que é unha novela contemporánea, mais non só. Ten algo de novela social, sentimental, intelectual, psicolóxica, mesmo de intriga. É tamén unha novela fundamentalmente descritiva, por veces lírica e metafórica, atenta sempre ás emocións e ás relacións dos personaxes. Amais desa condición multixenérica semellante á de Laura no deserto, Os elefantes de Sokúrov tamén comparte o punto de vista dos personaxes, que falan dende dentro e moven, alternativamente, durante dez días seguidos, unha historia na que a busca, o amor, a reconstrución da memoria, as artes, a crise económica ou a solidariedade se cruzan no que tamén é unha homenaxe a Compostela. Puxen o foco no cotián, na vida común de persoas con idades e ideoloxías diferentes, nun intento de comprender o sentido das súas vidas e os problemas que abranguen a unha boa parte da sociedade, non só a unha xeración preparada como a da protagonista, que non ve o xeito de entrar no mercado de traballo, senón tamén a dos pais desencantados ou a dos conflitos que arrastra a vellez: perda de seres queridos, ausencia de fillos, discapacidade, dependencia ou proximidade da morte. Temas candentes como o da prostitución, con personaxes contraditorios que erguen preguntas como a de se unha muller pode cobrar por exhibir o seu corpo se non hai un acto de violencia ou coacción, se xorde dun xeito totalmente consentido e libre. Ou o suicidio, como fracaso para os seres próximos que nunca deixan de se preguntar qué poderían dicir ou facer para evitar ou afastar a vítima do seu propósito.
Na novela, no que ten de intelectual, hai unha reflexión sobre a creación e a cultura, unha conexión entre a cultura de masas e a alta cultura, entre esa cultura pensada para a distracción, para divertir e causar pracer, e esoutra cultura que para moitos é unha sorte de relixión, un lugar de transcendencia que ocupa o baleiro e axuda a comprender a complexidade da vida. Nesta segunda parte, entraría en xogo o cinema de Sokúrov, para o que se precisa unha actitude de resistencia, o mesmo amor forte e voluntarioso que certos libros requiren de nós. A presenza de Sokúrov no título non é casual, o mesmo que os elefantes, que teñen unha carga simbólica e metafórica relativa ao altruísmo, á compaixón, á memoria ou á conciencia de grupo. E en Sokúrov concentraríase o interese pola arte e a creación, o punto de conexión entre uns personaxes sensibles, que afrontan a arte coa ollada da vida, e a vida coa ollada da arte, nunha estética de sombras e dúbidas que tocan a indefinición da existencia neste noso presente tan voluble e incerto.”