Desde o Portal das Palabras:
“A produción dramática de Manuel María foi cumprida, con máis de vinte pezas publicadas –premiadas en repetidas ocasións–, varias que quedaron inéditas e mesmo unha adaptación ao teatro dun poema de Blanco Amor. Comezou en 1957 co Auto do taberneiro e incluíu varias obras dirixidas aos rapaces, entre as que destaca, polas súas moitas representacións no ámbito escolar, As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.
Nesta peza breve podemos ver temas como a liberdade do individuo, a denuncia do autoritarismo e o abuso de poder ou a discriminación do diferente, sen perder por iso un ton idóneo para o público infantil, acorde coa concepción xeral do teatro que tiña Manuel María, quen vía neste xénero un instrumento dunha enorme potencialidade educativa.
Así como fixera Lewis Carroll coa súa Alicia, Manuel María escribiu a peza da Berenguela pensando nos fillos da familia monfortina Rodríguez González, coa que tiña unha estreita relación, para ofrecérllela como agasallo. A Manuel María chamáballe a atención un teatriño de monicreques, feito por Alfonso para entretemento e ilustración dos catro fillos, e prometeulles unha obra orixinal que puidesen representar naquel escenario artesanal. Aí naceron as Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, na volta do ano 1975, que se estrearían no verán seguinte naquela casa. (…)”