Desde Xerais:
“Publicamos o texto da escritora María Canosa lido na presentación na Coruña da novela O espello do mundo, de Ramón Nicolás:
“(…) A novela comeza con toda unha declaración de intencións, cunha ollada, pero non unha ollada fixa, unha ollada que muda, cambia, medra. A ollada dun protagonista observador, dun escritor observador. Moi observador. Por iso sabe a medida xusta da descrición, sen excesos. Tan só sitúa, dispón, axuda a que o lector tome posición en cada momento do libro.
Unha novela, ademais, perfectamente estruturada. Quizais por iso comeza describindo a estrutura dunha igrexa, porque no esqueleto está a base do corpo, e do mundo. A estrutura da vida, dos tempos. É moi sinxelo seguir os cambios de espazo e época grazas ao ben formulado e seccionado que está o texto. É doado pasar da actualidade ao século XII, sen caer nin perdernos no salto temporal. Tamén por iso se fala coa mesma familiaridade dos chíos do twitter coma dos pergameos antigos. Porque a novela está narrada dun xeito natural, sen grandilocuencias nin pompas, por moito que o tema dese para iso. Intúo, e non creo que me equivoque, que isto é produto de seguir os ditados do carácter tranquilo e sinxelo de Ramón Nicolás. Hai quen di que os libros son coma fillos e este é un reflexo fiel de seu pai.
Mais o éxito non é só estruturala ben, hai que engadir que se intúe o tempo de pensar, meditar, interiorizar… Dá a impresión de que o autor coñece á perfección todo o que se conta, e así debe ser. Por iso resulta tan ben dosificada. O contido vaise amosando aos poucos, para non cargar ao lector. Dáse a información paulatinamente, evitando a saturación. A trama faise máis complexa, pero resulta doado seguila. (…)”