Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“A literatura galega só se diferencia das outras literaturas nun pequeno, ou grande, matiz: está escrita en galego. Todo o demais, son ganas de lle buscarmos cinco pés ao gato. Nin ten trazos diferentes das outras literaturas europeas (onde cabe inscribirnos), nin se define a nosa literatura por elementos determinados que a farían diferente ou distinta das outras literaturas europeas (ou occidentais): á parte da lingua, o único trazo diferenciador da nosa literatura é o cambio de escenario e a grandeza, ou pequeneza, dos actores. Diferente é, claro na súa historia, nos seus momentos socio-politico-económicos e, ás veces, culturais ou de civilización: nunha palabra, no seu desenvolvemento “integral”, que é o noso escenario. A pequeneza ou grandeza dos actores entra dentro duns, digamos, cálculos máis subxectivos. Mais este problema ten a ver máis co desenvolvemento histórico-político que coas características dos textos.
Clarificado (?) este primeiro punto, vaiamos polo segundo. A literatura galega foi “historizada” por diversos estudosos, foi “conxelada” en dicionarios de obras, autores, etc.: xa que logo, quen queira coñecer a súa “historia”, a grandes trazos, teno máis ou menos doado. Os nomes “canónicos” e menos “canónicos” están aí. E co paso dos días vanse incorporando novos nomes, mais é evidente que nunha historia da literatura dun país determinado, aínda que sexa de tamaño (físico) reducido –como acontece coa galega– non aparecen todos os nomes, todos os escritores/escritoras desa dada literatura. Sempre, en todas as literaturas, hai centos, ás veces miles, de nomes que nunca aparecerán nas historias “canónicas” da literatura, nin mesmo, infelizmente, nas máis ou menos sociolóxicas. Con sorte, en monográficos dedicados a unha póla ou outra desa literatura. Un exemplo, dunha literatura “normalizada”, da literatura francesa: en ningunha das grandes e pequenas historias da literatura francesa que eu coñezo aparecen os centos, os miles de nomes, que censou e comentou no seu día Michel Ragon na súa xa clásica, e que necesita urxentes revisións, Histoire de la litérature proletarienne en France (París, Albin Michel, 1974). E así podiamos ir país por país até chegarmos a Galicia. (…)”