Desde Axóuxere Editora:
“(…) Asentándonos na aldea de Brión (Rianxo), no mesmo sitio no que fora deseñada unha Residencia de escritores e escritoras, entre os anos 2012 e 2014, lugar tamén onde unha vida comunitaria e creadora se dera entre as persoas da editora e as persoas amigas, concebimos outra vez a idea de darlle pulo a unha nova andaina daquel querido proxecto das residencias. Tras ter traballado nos últimos meses sobre esta cuestión, xunto co Concello de Rianxo, finalmente podemos dar a coñecer unha dupla convocatoria de residencias para o vindeiro verán do 2017.
A singularidade desta nova xeira radica en que continuamos co vello programa da Residencia de escritores e escritoras, pero engadimos un novo tipo de concepto residencial no espazo da casa que Axóuxere Editora dispón na parroquia de Leiro, en Rianxo. Desta vez, e tentando con isto sentar un precedente no quefacer intelectual galego, ideamos un espazo de acollida para pensadores e pensadoras, para que poidan adicarse durante o tempo da súa estada á reflexión e ao pensamento crítico e teórico, sen necesidade de ningunha conclusión ou produción escrituraria.
Xa que logo, abrimos o tempo de recepción de propostas, tanto para a Residencia de escritores e escritoras, como para a de pensadores e pensadoras, que rematará o día 16 de abril. Podedes atopar toda a información sobre estas dúas convocatorias nas ligazóns que aparecen embaixo. Agardamos que, desta vez, o camiño que se abra sexa coma o dun perpetuum mobile que na vagarosa quietude do espazo rianxeiro se dispoña cara ao infinito soñado polo poeta do mar, ese infinito no que pensamento, literatura e vida se funden e confunden.