Desde Nós Televisión:
“Suso de Toro pon fin a case oito anos de “seca literaria”. O autor natural de Compostela presenta a súa última novela, Fóra de si, unha obra que presenta a un neurocirurxián que atravesa un complicado momento persoal e se atopa totalmente sobrepasado polos seus problemas, ficando mesmo “fóra de si”, como o propio título da novela indica. Suso de Toro trata diferentes cuestións vencelladas á perda, a culpa e a identidade familiar.
O escritor compostelán anunciara no ano 2010 a súa decisión de abandonar o mundo literario, xa que perdera a “fe” na literatura por mor da “crise da figura do autor” que axexa ao eido cultural. Durante este tempo, decidiu volver á docencia impartindo aulas a diferentes cursos no IES Rosalía de Castro, un centro no que ficou até a súa xubilación. Así e todo, non deixou de colaborar con diferentes medios amosando a súa visión do taboleiro político.
Agora, após o seu longo descanso, volve embarcarse no vertixinoso mundo da literatura. Suso de Toro recuperou a “fe” perdida ao ver o “estreito lazo” que xerou durante anos entre el mesmo e os seus lectores e lectoras. “A idea da novela xurdiu hai un ano e medio e decidín afrontar o desafío; gústanme os retos”, indica o escritor, quen asegura ter “desfrutado moito” durante a construción do relato.”