Arredor de 6.000 espectadores participaron nas actividades da primeira edición da FLIV

“Arredor de 6.000 espectadores participaron nas diversas actividades celebradas na primeira edición do Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV) durante a pasada fin de semana. O festival puxo en marcha 80 actividades reunindo nelas a 136 participantes do mundo cultural galego, con atención especial ao sector do libro. O FLIV naceu como resposta á necesidade de seguir facendo visibles as actividades de carácter cultural en tempos de dificultades para celebrar actos con público por causa da pandemia.
Os resultados desta primeira edición da FLIV, que comezou a xestarse en marzo, sinalan que hai un interese do públicos polas propostas culturais no sentido máis amplo e mesmo por aquelas que pode ser consideradas como alternativas. No mesmo sentido, para o festival é un respaldo á continuidade a boa acollida e resposta de todas as persoas convidadas a participar e da súa magnifica disposición para atender as singularidades dun festival coma este, feito con pouca marxe de tempo, por primeira vez e cun carácter novidoso para todos os participantes.
O resumo das cifras desta primeira edición do festival sinalan un interese por parte dos espectadores cara á proposta. O conxunto de actividades comprendidas dentro do festival sumaron arredor de 6.000 espectadores durante os tres días de celebración nos que puideron asistir a presentacións de libros, lecturas, videopoemas, charlas, cursos, debates e encontros con autoras e autores. Polas pantallas do FLIV20 pasaron 136 autoras de 13 editoriais e 35 títulos formaron parte do seu escaparte.
Os contidos xerados durante esta primeira edición do FLIV estarán colgados novamente na web do evento nos vindeiros días (fliv.gal) de maneira que o festival, terá unha primeira forma de continuidade ao poder ser vistos polos espectadores de novo. De cara ao futuro, o FLIV considera necesario aproveitar a necesidade dunha celebración coma esta e a experiencia desta primeira edición incorporando algunhas novidades para responder aos cambios de circunstancias. Desde a organización apúntase a un cambio de datas, para situala nos comezos da primavera e ampliar deste xeito a colaboración do sector docente. Tamén consideran posible a utilización de espazos públicos: librerías, auditorios e outros espazos representativos da cultura de Galicia. No mesmo sentido, non se descarta a celebración dalgunha actividade presencial en función da situación de cada momento para ser transmitida polo festival.
No que ten que ver cos contidos, a intención do festival é ampliar os argumentos e actividades sobre banda deseñada, teatro, ilustración, danza e música, de maneira que se vexan reflectidos no festival a maior cantidade posible de sectores culturais galegos. Para o festival tamén é importante ampliar a participación de autoras e autores que residen fóra de Galicia e aproveitar as características da FLIV para facer visibles as súas obras e contribuír a manter a relación cos lectores do país.”