O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, convoca o XIII Premio de poesía Victoriano Taibo, dotado con 4000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo.
O prestixioso galardón rexerase polas seguintes BASES:
1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin ter sido premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos con unidade temática, non podendo superar as 250 páxinas.
3. Os traballos presentaranse en papel por quintuplicado, con letra de corpo 12 nun sobre pechado identificado co lema, alcume, pseudónimo ou o título elixido polo autor/a. Acompañaranse ás copias en papel un CD ou USB coa obra en formato PDF. O arquivo en PDF non poderá conter datos ou metadatos que identifiquen a súa autoría.
Así mesmo, dentro deste sobre, xunto cos traballos incluirase outro sobre pechado identificado co devandito lema, título…, que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia de DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico. O xurado só o abrirá no caso de ser premiado
Os traballos enviaranse por correo ao seguinte enderezo:
Apartado 30
36380 Gondomar (Pontevedra)
4. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2021.
5. Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado, período durante o cal poderán recollerse no local do IEM en Gondomar. Transcorrido ese prazo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Dombate e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1000 exemplares editados.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. A persoa gañadora comprométese a impartir un obradoiro de poesía no Val Miñor entre os meses xaneiro e marzo de 2022. O obradoiro terá unha duración de 18 horas e non suporá compensación adicional por gastos de ningún tipo á parte do importe en metálico do premio, que se aumentou en 1000 € respecto á anterior edición para cubrir tal circunstancia.
10. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
11. O feito de participar supón a aceptación destas bases.”