Desde a Cidade da Cultura:
“Este venres 3 de setembro o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros volve á Biblioteca de Galicia coa presenza de Fina Casalderrey. Ela será a primeira das novas cinco firmas que nos acompañarán nesta actividade para celebrar o noso décimo aniversario.
Farao na compaña de Eulalia Agrelo, doutora en Filoloxía e docente na Universidade de Vigo. Aínda que ambas autoras son dúas das maiores coñecedoras do panorama da literatura infantil e xuvenil en galego, a súa charla non terá como referencia un título pertencente a esta parte da creación literaria. A obra seleccionada por Fina Casalderrey como un dos referentes na súa traxectoria literaria e persoal é Retrincos, a colección de cinco relatos autobiográficos de Castelao.
A inscrición neste faladoiro é de balde previa reserva e xa está aberto o prazo de inscrición. Tamén se poderá seguir en Youtube.”