Desde Euseino? (Foto: “A tenda de a peso e a patacón”, cartel da Works Progress Administration (EUA), ca. 1941.):
“Dos novelistas que comezaron a publicar na década de 1990, Xurxo Borrazás é un dos que máis leva escrito e reflexionado sobre o oficio de escribir e, en concreto, de escribir novelas. Non só nos seus libros de ensaio senón tamén na súa obra novelística, o autor de Brevedume non deixa de debullar o xénero literario da novela, arrincando camada tras camada ata que o miolo queda ao aire e os sucesivos estratos expostos ante a ollada de quen le. Neste decálogo, Borrazás consegue sintetizar todo o seu aparente escepticismo non para entregar unha síntese, máis ben para ditar unha sentencia: a da morte da novela como afirmación de que a ficción soamente como cadáver pode existir. Ao contrario da maioría das narradoras e narradores actuais, desta segunda década do século no que vivimos, a persoa que escribiu Eu é consegue extraer vida dun obxecto morto, é quen de representar o que para el —e para uns cantos máis, non para a maioría— é un ente inerte. A novela. Decididamente, o que interesa de Borrazás non é que sexa un bo rapaz senón que é un bo escritor.
Sección coordinada e editada por Iván García Campos.
♦
Cigarros de chocolate
1) Chegamos tarde. A novela morreu efectivamente hai tempo, non de maneira traumática senón coma eses anciáns que un día aparecen momificados na butaca fronte ao televisor e levan alí tres meses. Chegamos tarde e os escritores de novelas que se cren vivos están un pouco mortos. A xente respéctaos igual que se persigna ao cruzarse cun enterro, por superstición.
Un cadáver tende a cheirar e o da novela fíxoo no primeiro terzo do século XX. Os que a partir de entón a cultivamos somos Norman Bates a custodiar a momia da nai recluída no soto, falándolle e falando por ela, penteándoa, vestíndoa e recibindo as súas instrucións de eliminar todo atranco á nosa relación edípica. Hai, con todo, quen prefire pensar que a novela non morreu, só cheira raro.
2) Hipóteses. O asunto de que a un lle deixen de gustar as novelas tense debatido arreo sen chegar a conclusións, só a hipóteses. Non vos riades pero isto ocórrelle a moitas persoas pola volta dos cincuenta, unha especie de menopausia ou andropausia literaria, cando a mente comeza a tirar do corpo como dunha carga e non ao revés, como acontece na xuventude.
É unha hipótese. Pouco convincente porque leva a pensar que quen continúa a ler e escribir novelas está en mellor forma que quen se inclina por outros xéneros, e non é necesariamente así. (…)”