III Encontro de Escritores/as Novos/as

Recordámosvos que segue aberto o prazo de solicitude de prazas para o III Encontro de Escritores/as Novos/as. Engadimos a esta mensaxe o Programa III Encontro de escritores/as novos/as.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, co apoio da D. X. de Xuventude e Solidariedade, da Deputación da Coruña e da S. X. de Política Lingüística, está organizando para os días 26 e 27 de setembro o III Encontro de Escritores/as Novos/as, no Pazo de Mariñán.
Dáse así continuidade a esta actividade cuxa segunda edición tivo lugar en 2002. Á volta de seis anos é tempo de que, co lema “Entre dous séculos”, teñamos ocasión de revisar a creación máis nova do noso sistema literario, concretamente a daqueles/as autores/as que comezaron a publicar desde os noventa até o día de hoxe.
A actividade está aberta a todos os asociados/as, aínda que vai enfocada especialmente aos/ás que veñen publicando desde os 90 até a actualidade, e que terán prioridade dado o límite de prazas do Pazo de Mariñán. É por iso que desde xa se abre o prazo para solicitalas, que se estende até o 12 de SETEMBRO. De resto, a asignación farase, alén de polo criterio xa citado, por estrita orde de chegada da solicitude a este mesmo mail. A Asociación faise cargo de todos os gastos de estancia.
A Aelg editará un número da súa revista “Escrita Contemporánea” coas Actas deste encontro. Nelas, ademais das intervencións nas mesas redondas, e co ánimo de ter unha visión máis completa do tema proposto, quérese dar oportunidade a todos os socios/as da Aelg que empezaran a publicar desde
os 90 até hoxe, de que nos envíen en forma de texto (4 páxinas de 1800 caracteres como máximo), a súa reflexión persoal de como ven situada a súa persoal traxectoria creadora dentro do sistema literario; a reflexión estenderase tamén a analizar se o concepto de xeración é válido para entender a nova produción literaria, ou se deixou de ter utilidade tendo en conta que as recentes tecnoloxías permiten desenvolver formas de creación, de difusión e colaboración inéditas; así mesmo, as achegas
poderán concluír se hai ou non os suficientes elementos novidosos na escrita dos novos/as que permitan caracterizala no seu conxunto. Así mesmo, poderase tratar calquera dos temas que suxiren os temas das mesas redondas. Estas achegas entregaranse neste mesmo mail até o 15 de OUTUBRO.
(O Consello Directivo da Aelg)