O venres 30 de setembro, a partir das 18:00 horas, e con entrada libre até completar capacidade, inaugúrase Libros para soñar na Coruña (Avenida de Fisterra, 64). Trátase dunha libraría especializada en Literatura Infantil e Xuvenil que conta tamén cun lugar de lectura e cunha sala para realizar sesións de contacontos, obradoiros infantís de plástica e de escrita creativa, cursos de formación para mediadores e profesionais do ensino, e exposicións de ilustracións orixinais co obxectivo de inculcar a sensibilidade estética necesaria para apreciar o traballo dos artistas plásticos nos libros. O acto de inauguración, no que vai participar o equipo de animación á lectura de Kalandraka, xunto con varios autores e ilustradores, consistirá nunha sesión especial de contos e música, aberta ao público. O ilustrador Pablo Otero -ourensán afincado na Coruña- protagoniza a primeira mostra do novo espazo: as imaxes do álbum Contos por teléfono, un libro de relatos do escritor italiano Gianni Rodari, e que se poderá visitar até finais do vindeiro mes de outubro.