Artigo de Dolores Vilavedra en El País:
“Somos moitas as persoas que nos congratulamos de que a Fundación Premios da Crítica retomase o seu camiño, con máis pulo ca nunca, xa que non estamos sobrados de plataformas institucionalizadoras da nosa cultura que gocen de tanta tradición coma esta. Pois ben, pareceume ben significativo que o Premio da Crítica Galega na modalidade de creación literaria fose para un poemario, Estremas, de Ana Romaní, sendo como adoita ser a lírica un xénero discreto e pouco mediático, afeito á teimuda supervivencia dos que nada teñen que perder. Máis alá da indubidable calidade do libro, a decisión do xurado fíxome pensar que se cadra iso é o que precisamos nos tempos que corren: menos espaventos e máis fondura e teimosía, menos dispersión e máis claridade nas metas. Neste outono en que asistimos impotentes ao devalar de tantas certezas, botamos de menos máis voces poéticas de nós que se ergan para abrir fiestras de esperanza, para acompañarnos no descenso aos infernos, para clamar a imprescindible rebeldía, e é mágoa que non atopemos nada disto nas últimas entregas poéticas de Espiral Maior, esclerosadas de convencionalismo. (…)”.