Artigo de María do Cebreiro sobre Álvaro Cunqueiro en El País:
“Pensaban os antigos que a memoria era un mapa. Non unha facultade da intelixencia humana, senón un espazo onde procurar cousas útiles e valiosas. O traballo dos escritores non consistía en reinventar o mundo. Consistía en transportar o saber común da lingua para alén do coñecemento das persoas.
Nin tan sequera a modernidade foi quen de tronzar esta cadea. Non a crebou Bernardo de Chartres, remoto inspirador do buscador do Google: “Os modernos somos ananos que subimos ao lombo dos xigantes”. De aparencia humilde, a frase é un prodixio de soberbia. Somos pequenos en comparanza dos antigos. Pero teñen a obriga de nos levar ao lombo, por iso podemos ver mellor ca eles. Se a Álvaro Cunqueiro lle deixasen elixir, non querería ser o anano empoleirado, senón o xigante que non ve. A diferenza dos escritores pedantes, Cunqueiro nunca utilizou as fontes literarias no seu proveito, senón no común. Como dixera Borges de Quevedo, a súa obra equivale a unha literatura. De que nación? De todas.
Existe con frecuencia o prexuízo de que é imposible dedicarse con proveito a máis dun xénero literario, pero hai tres escritores galegos que foron, simultaneamente, poderosos novelistas e grandes poetas: Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. A capacidade dos tres para atravesaren as fronteiras literarias é paralela ao seu interese por atravesar as fronteiras espaciais. Un movemento intelectual que, dalgún xeito, implica un regreso á concepción antiga da memoria como unha xeografía imaxinaria. (…)”.