Artigo de Dolores Vilavedra en El País:
“(…) Mario Regueira ensaia en Outono aquí ese xénero escorregadío que é a novela curta. Mais tanto ten neste caso: a densidade da escrita tece moitos vimbios nun cesto de aparencia enganosamente modesta mais de contido ricaz. Temas aparentemente abstractos como a memoria ou a loita por atopar a propia identidade vertébranse de xeito fluído cunha trama ben enxebre, que mestura herdanzas, liortas veciñais e violencia; no trasfondo, a alienación por mor da desvertebración das formas tradicionais de vida, rurais ou urbanas. Personaxes anódinos, que pelexan por seren eles mesmos e que atopan, sobrevivindo no cotián, a súa grandeza. O comezo da novela, fortemente climático, sementa a inquedanza e permite xa intuír a potencia narrativa que o texto agocha. (…)
Volta Rexina Vega, demostrando aos escépticos que quere ser algo máis ca unha escritora ocasional. En Dark butterfly aposta por un rexistro ben distinto, aínda que seguimos a identificar a mesma vontade literaria, parello afán de atopar voz propia e singular no actual concerto narrativo. Vega asómase agora ao mundo da esquizofrenia, ensaia a escritura como terapia, como áncora de salvación, como botella ao mar. Optando polo collage de modelos discursivos como fórmula semiotizadora para a alienación da protagonista, Vega convídanos a unha viaxe cuxa fin podemos adiviñar mais non por iso menos impactante. Descenso aos infernos pautado por alustres de esperanza, con algunha concesión ao tópico (a absenta, o ambiente da escola de Artes e Oficios), o conxunto resulta desoladamente convincente. (…)”