O vindeiro domingo 5 de abril o escritor Modesto Fraga presenta en Fisterra a reedición do libro de poemas Mar de ausencias, editado por Follas Novas Edicións na súa colección Libros da Frouma. O acto terá lugar a bordo do barco turístico “María Elena”, propiedade de Oliver Moure Santos, unha embarcación de recreo con capacidade para 73 persoas e que realiza diversas rotas turísticas pola costa fisterrá. Durante o traxecto (que cubrirá o itinerario literario-xeográfico polo que transcorren os poemas: “As Lobeiras”, “Langosteira”, “Mar de Fóra”, “O Centolo”, “Arnela”, etc) darase lectura a algúns dos textos do poemario e, posteriormente, celebrarase un acto de lembranza aos mariñeiros afogados na costa fisterrá. Está previsto que participen no acto familiares das vítimas dos pesqueiros “Bonito” (afundido no “Cabo da Nave” en 1960), “Begoña” (nos “Siriales do “Berrón”, en 1976) e “Isleña” (tamén na década dos anos 70). O acto dará comezo ás cinco da tarde e terá unha duración aproximada de unha hora e media. As persoas interesadas en participar no acto deben confirmar a túa presenza antes do venres día 3 neste correo electrónico.