1. O certame está aberto a traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero periodístico, publicados con firma ou pseudónimo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012. Os traballos, que deberán ter sido publicados en medios impresos ou dixitais, estarán escritos en lingua galega.
2. Aceptarase un só traballo por autor/a. Non poderán presentarse as persoas gañadoras das dúas últimas edicións do premio.
3. De cada traballo teñen que presentarse un orixinal e 3 copias da páxina ou páxinas completas da revista ou xornal que acolleu a súa publicación. Dos traballos publicados en medios dixitais deberán presentarse en calquera caso 3 copias impresas, non aceptándose aqueles traballos que se remitan por correo electrónico. Tanto nos orixinais coma nas copias debe figurar a data de publicación dos traballos.
4. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación X PREMIO DE XORNALISMO JOHÁN CARBALLEIRA”, no seguinte enderezo: CONCELLO DE BUEU, rúa Eduardo Vincenti, nº 8, 36930 Bueu (Pontevedra). No interior do sobre, ademais dos traballos, achegarase unha folla coa seguinte información: Título do traballo, nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
5. O prazo límite para a recepción dos traballos que participen neste certame péchase o día 10 de xaneiro de 2013.
6. O premio terá unha dotación única de 1.500 €, comprometéndose a imputación desta cantidade ao orzamento xeral do Concello de Bueu para o exercicio 2013 (con cargo á aplicación orzamentaria 334-48100) e a acreditación da existencia de crédito axeitado e suficiente. A dotación do premio estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. O premio, que é único e indivisible, poderá declararse deserto.
7. O Xurado estará composto por tres persoas vinculadas ao xornalismo galego, unha delas nomeada pola asociación colaboradora Amigos de Johán Carballeira, e máis un/ha secretario/a. Este xurado valorará positivamente aqueles traballos enmarcados nos xéneros da reportaxe e a entrevista, xéneros nos que desenvolveu maioritariamente o seu labor xornalístico Johán Carballeira.
8. O premio entregarase nun acto enmarcado na Semana das Letras Galegas 2013. A decisión do xurado, ademais de comunicarse ó gañador ou gañadora da convocatoria, anunciarase a través dos medios de comunicación no transcurso da semana anterior á entrega do premio.
9. O Concello de Bueu resérvase o dereito de reprodución dos traballos premiados, así como de calquera outro presentado ó certame, na forma e o medio que estime máis conveniente, aínda que incluíndo sempre o nome de cada autor/a.
10. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.
Máis información:
SERVIZO DE CULTURA DO CONCELLO DE BUEU
986324338 cultura@concellodebueu.org
www.concellodebueu.org