Arrinca o Culturgal 2014 con Manuel Bragado como presidente

Desde Sermos Galiza:
“O editor Manuel Bragado é o novo presidente dun Culturgal que comeza a prepararse con importantes novidades como novos patrocinios -en especial do ámbito empresarial-, máis profesionais e un espazo dedicado á gastronomía. (…)
Como nas anteriores edicións, a sétima Feira das Industrias Culturais desenvolverase no Pazo de Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro. Novidade deste ano será o pagamento obrigatorio dunha entrada de baixo custe, 2 euros para maiores, 1 para público infantil, ademais dun bono de 4 euros, no camiño da “corresponsabilidade” inaugurado na pasada edición cunha entrada voluntaria.
Polo demais, a feira, que convocou en decembro do 2013 a máis de 14.000 persoas ofrecerá novos espazos temáticos, unha maior participación profesional e máis patrocinios. Por vez primeira, a gastronomía terá un espazo específico reservado con novidades literarias, musicais e das artes escénicas relacionadas co mundo da cociña.
Para o 2014, o Culturgal buscará ampliar aínda máis o número de oitenta e unha entidades expositoras que participaron na anterior edición e, alén de ser escaparate do novo xeito de operar das industrias culturais, ser tamén escenario de estreas e novos proxectos.
Estreitar vínculos con asociacións de profesionais dos distintos ámbitos da cultura será tamén un dos camiños nos que afondará Culturgal de cara a súa próxima edición, cun especial fincapé na creación de espazos de encontro de profesionais e axentes que participan na actividade cultural.”