O martes, 30 de setembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8), proxectarase o documental Morreu o demo, acabouse a peseta, no que se amosa o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde por parte dos membros da compañía Viravolta.
Este documental forma parte do proxecto da investigación para a recuperación da memoria de Barriga Verde e a súa proxección forma parte da exposición Barriga Verde, de feira en feira que se pode visitar na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo) desde o pasado 12 de setembro ata o vindeiro 15 de outubro. A entrada é de balde.
Ademais das conversas con descendentes da familia Silvent, creadores do personaxe de títeres de luva, e con outros marionetistas europeos, realízase un achegamento ao títere de luva galego e á tradición europea da que fai parte.
A seguir, membros do equipo do documental conversarán cos asistentes sobre a película e a situación dos títeres e doutros elementos da sociedade tradicional na actualidade.
Este documental, de 78 minutos de duración, foi dirixido por Pedro Solla e producido por Tintimán Audiovisual.