A neve interminable. Notas dun tren”: texto de Ledicia Costas sobre a obra de Agustín Fernández Paz

DesdeLedicia Costas Xerais:
“Reproducimos o texto de Ledicia Costas que leu o xoves 18 de xuño na presentación de A neve interminable, de Agustín Fernández Paz:

1.- A neve e os corazóns conxelados
É a primeira vez que vou nun tren destes rápidos, que fan o traxecto Vigo-A Coruña nunha hora e vinte minutos. Estou cansa de máis e só son as oito da mañá. Onte estiven en Xerais e Celia Torres cedeume un exemplar do novo libro de Agustín. Sácoo do meu bolso e ábroo coma quen abre unha delicada caixa de música. A neve interminable. Agardo a que empece a soar a música, pero en lugar diso teño frío. Leo a cita que inicia o libro, a de Lord Byron: chegou a mañá, e foise, e chegou, e non trouxo o día canda ela, e os homes esqueceron as súas paixóns ante o terror desta desolación; e os corazóns conxelarónse nunha pregaria egoísta que imploraba a luz. Reflexiono no que latexa detrás destas palabras. Todas as historias se tecen cos fíos da vida. E de súpeto hai algo que se activa no mecanismo do pensamento. De xeito inevitable penso nesa historia, que non sei canto terá de lenda. A historia que conta o naufraxio e a morte de Percy Shelley, o poeta romántico inglés. Lembro que lin nalgunha parte, non hai moito, que queimaron nunha praia o seu corpo sen vida e ardeu todo agás o seu corazón, que alguén rescatou das lapas. E finalmente, ese corazón foi parar ás mans de Mary Wollstonecraft, máis coñecida como Mary Shelley, a autora de Frankenstein ou o moderno Prometeo e parella de Percy. Contan que Mary conservou o corazón envolto nun pano de seda, no interior dun exemplar dunha das obras do seu home, e que cando o atoparon estaba completamente murcho. Daquela, o revisor distráeme. Quere picar o meu billete. Sorrí como sempre me sorrín os revisores. Entón penso en que os trens teñen a estraña facultade de facer feliz á xente. Non sei por que, o señor contáxiame parte da súa alegría. Retomo a lectura e, con ela, regresa o frío.

2.- Noite de voraces sombras.
Dispóñome a emprender a viaxe de volta a Vigo logo dun día bastante intenso. Agardo a que o tren inicie o traxecto antes de mergullarme de novo na lectura. Unha vez que empezo, non me deteño ata chegar á páxina 30, momento en que dou un chouto na butaca. Velaquí está!, penso, emocionada. Supoño que fun máis efusiva da conta. Teño dous pares de ollos á miña dereita fitándome con curiosidade. Deben pensar que estou tola. Sorríolles e volvo ao libro inmediatamente. Como se eu os tivese invocado co pensamento que me sacudiu nada máis empezar esta obra, entran en escena Lord Byron, Mary Wollstonecraft, Claire Clairmont, Percy Shelley e Polidori. Agustín rescata aquela mítica noite de 1.816, cando estes cinco amigos asumen o reto que Lord Byron pon sobre a mesa: escribir cadanseu relato de medo, a ver quen conseguía facer o máis terrorífico. Un reto que tamén asumirán os personaxes d’A neve interminable e que sei que me vai levar por unha viaxe que agardo que me deixe sen alento. Igual que me sucedeu en 1.995 cando lin Cartas de inverno, o libro que me abriu para sempre a porta da literatura galega. Curioso que xusto 20 anos despois sexa precisamente eu quen vaia presentar esta nova novela de Agustín Fernández Paz. Vou ao índice e leo o título dos contos, cousa que non fixen antes: A casa azul, Herdanza de sangue, A néboa da vinganza e Un incidente no internado. Sen poder evitalo, de novo o frío. Tápome coa miña cazadora e voume diluíndo devagariño entre as palabras da neve interminable, ata volverme folerpa.

E cae a neve
como caen as lágrimas de sono:
coa elegancia dun gato branco
que corrompe as alturas con insolencia
as folerpas descenden
a rentes da pel do frío
no chan,
pedrazo e diamantes,
flores de xeo que se abren
nun alarde de beleza
e no interior toda a neve
concentrada nun corazón
que latexa á intemperie,
que te bota de menos
neste ano sen verán.”