Montse Pena impartirá o xoves 10 de decembro en Barcelona a conferencia As orixes da literatura infantil en galego: Xohana Torres, Galaxia e La Galera. Na década de 1960 fixouse un obxectivo editorial prioritario: a creación dunha literatura infantil en galego, catalá e vasco. É por iso que La Galera abre unha liña de coedicións con Edili e Galaxia, e, pola súa banda, esta editorial escolle unha escritora moi premiada naquel momento, Xohana Torres, como tradutora dos títulos cataláns ao galego e como autora de narracións orixinais.
Montse Pena Presas, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e especialista en literatura infantil e xuvenil ofrecerá nesta conferencia datos pouco coñecidos do papel fundamental da escritora neste ambicioso proxecto editorial. O acto celebrarase o xoves 10 de decembro de 2009 ás 15:00 na Aula 103a da Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona (Gran Via de les Corts Catalanes, 585 – 08007 Barcelona). Máis información na páxina web da Facultat de Filologies Gallega i Portuguesa.