Artigo de María Alonso en Palavra Comum:
“(…) Transmigrantes, fillas da precariedade é un ensaio que intenta explicar o devir dun grupo moi concreto de persoas de entre trinta e corenta anos que, durante a década da mal chamada ‘crise’ non foi quen de se asimilar no tecido laboral do país de orixe, e que ve na emigración un modo de supervivencia. Este colectivo, ao que me refiro como o ‘precariado transmigrante’ caracterízase por ter unha importante bagaxe formativa pero que, en canto cruza a fronteira, sofre unha depreciación como capital humano. Trátase da mesma depreciación que forza a súa saída. Esta xeración non é unha xeración perdida; senón que é a xeración das oportunidades perdidas para o país que as e os expulsa. (…)
A maioría destas novas e novos emigrantes non ve a migración como un fenómeno natural, probablemente porque xa non se lembra do noso pasado máis próximo. Isto sabémolo ben as e os galegos: quen non ten ou coñece a alguén que teña un familiar en América Latina, Suíza ou Alemaña? E agora, quen non ten un amigo ou unha compañeira da carreira en Londres, Berlín ou mesmo Nova York? Para calquera persoa migrante, a alienación tanto do país de orixe coma do de acollida convértese nunha carga difícil de levar; mesmo hoxe en día, a pesares das novas tecnoloxías que nos permiten estar ‘aquí’ e ‘alí’. Esta ansiedade ontolóxica é tan familiar para as e os galegos que até temos unha palabra para a describir: ‘saudade’. Manuel Forcadela, no seu libro Dama saudade e cabaleiro sombra, considera a saudade coma o construto cultural dunha comunidade e dunha época en particular de crise económica e inestabilidade política, facendo referencia á España de posguerra e aos corenta anos de ditadura. Seguindo esta liña de investigación, Transmigrantes, fillas da precariedade suxire que a nova diáspora galega tamén está condicionada por elementos similares, mais a situación, tanto histórica como económica, é diferente, polo que é necesario postular un paradigma alternativo para achegarse a este fenómeno do precariado transmigrante. No libro considérase á e ao novo transmigrante como un suxeito político que reinterpreta as metáforas e estereotipos existentes arredor da emigración como manifestación da súa revolta. (…)”