O domingo 24 de novembro, ás 17:00 horas, na Fundación Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces), no marco dos Encontros Literarios en Gres, terá lugar un encontro con Rosa Aneiros. Trátase da segunda sesión deste programa que comezou co coloquio mantido con Lois Alcayde e que coincidiu coa lembranza adicada a Anisia Miranda, de quen se cumpriron dez anos do seu pasamento. Destavolta, a autora de títulos como Resistencia ou Xelís, o guieiro das botellas de mar, que vén de obter o premio Merlín de Literatura Infantil, falará da pegada da obra de Neira Vilas na súa experiencia na lectura e na escrita. Departirá cos asistentes encol do seu taller de escritura, da súa concepción da escrita para a nenez e para os adultos ou dos temas que adoita tratar nas súas obras e da súa relación coa realidade social do noso tempo. O coloquio estará moderado por Mariluz Barreiro, profesora de lingua e literatura galega e veciña da aldea de Gres.