Desde a Cidade da Cultura:
“A Cidade da Cultura botou a andar o selecto e divertido Club das Lerchiñas con creadoras ou fiadoras deses relatos que tanto nos prestan, deses que dá igual que sexas avoa, papá ou rapazada, porque te engaiolan independentemente da idade que teñas e non te soltan ata escoitar o de colorín colorado, dá este conto por rematado.
Cada sábado traerannos os seus contos desde o seu fogar ao noso, porque a narración oral ten esa maxia de non saber de lindes de tempo e de espazo; o que nos permite continuar a escoitar aínda as historias que lles contaban ás nosas tataravoas ou poder gozar neste necesario #quedanacasa de sesións de contacontos en liña axudadas por Internet e polas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter).
O sábado 30 de maio a convidada é Paula Carballeira, nacida e criada en Maniños (Fene), aínda que despois de licenciarse en Filoloxía na Universidade de Compostela, quedou a vivir en Compostela. Narradora oral profesional desde 1994, actriz e escritora.
Sinopse de Un conto con miga e codia
Unha nai e o seu fillo viven na casa pequena a carón do bosque. No bosque hai un muíño. A nai e o neno son tan pobres que só poden mercar un pouco de fariña para facer pan. Iso si, o pan sabe como ningún outro, porque mentres o fai a nai invéntalle ao neno a historia que queira escoitar, e cando o neno come o pan lembra a historia e soña cos ollos abertos. Pero, un día, quedaron sen ningunha moeda para mercar fariña, porque os malos tempos chegan antes para a xente pobre, e tiveron que discorrer unha solución.
Adaptación dun conto popular pensado para alimentar o corpo e a imaxinación.”