Desde Euseino?:
“A ensaísta e poeta María do Cebreiro escribe sobre a crítica literaria en tempos de estrañeza. As obras manteñen a súa presenza mesmo nun mundo no que os textos pretenden asoballalas. Un texto non é necesariamente unha obra. Igual ca quen escribe non é forzosamente unha persoa escritora; a escritora éo cando “vivir significou escribir, e escribir unicamente foi dicir con sinceridade, case reflectir nun espello, o pulo da súa fantasía e os traballos do seu pensamento”. Así o describiu o filósofo Giorgio Colli, editor da obra completa de Nietzsche. Mais o estadio do espello quedou atrás, a obra non precisa de suxeito, independízase da tea de araña da sopeita pois a obra mesma está feita de tecido, de letras, de literalidade. A morte da crítica realmente o que reflicte é a morte do autor e da autora como principio de razón. O principio da obra é a irrazón da súa existencia. Iso abonda. Nada de relación filiativa, todo é afiliativo. Non hai creación porque ninguén crea, a literalidade está no mundo como tal cousa. O escepticismo da autora de Maternidades virtuosas responde quizais a esa estrañeza perante a obra sen razón, a obra non escrita para un público, a obra sen público. A obra sen esencia. Cousa non substancial que está fóra de si, que está no mundo.
Sección coordinada e editada por Iván García Campos.
♦
Entre o arquivo e o mapa
1) Renacenza. Non é doado escribir sobre a crítica literaria nun mundo no que tanto a literatura como a crítica perderon definitivamente a súa función. Neste contexto, a única proposta optimista é desexar que a crítica literaria morra dunha vez para que, con fortuna, poida nacer de novo.
2) Fado. Velaquí o fado da crítica literaria hoxe: a suxeición ao sistema de medios de comunicación, dependente á súa vez das dinámicas gobernamentais e dos intereses comerciais. Fronte a tal servidume, a crítica literaria será soberana ou non será. (…)”