Roteiro Neixón no abrente da historia, con Milagros Torrado Cespón
Setembro 20 @ 12:00 p.m. - 1:30 p.m.
O Roteiro Neixón no abrente da historia, guiado por Milagros Torrado Cespón, forma parte dunha iniciativa da AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. Esta actividade, subvencionada pola Deputación da Coruña, conta tamén coa colaboración da A. C. Barbantia e o Concello de Boiro.
– O roteiro presencial terá lugar o domingo 20 de setembro de 2026, a partir das 12:00 horas, tendo como punto de encontro inicial a saída da porta do Centro Arqueolóxico do Barbanza (Neixón. Nine, s/n. Cespón, Concello de Boiro).
– A actividade é gratuíta e non é necesaria inscrición previa.
– Nota: é preciso levar calzado axeitado, dado que se vai ir polo monte.
“Hai case vinte anos que Pepe Carreiro nos presentou a Manicho Cativo, ese rapaz rebuldeiro que vivía no castro de Neixón e frecuentaba asiduamente os seus coetáneos de Baroña. Vinde, xentes, coñecer a súa historia mentres imaxinamos o baile do sol sobre Cortegada no enclave privilexiado onde o río Beluso se funde coa ría de Arousa. Poderiamos preguntarlle aos habitantes do promontorio se xa daquela cantaban o de “Vaite de aí, vaite vaite / cara de leite fervido, / xa me dixo miña nai que tiñas o mal cativo” como apuntara Bouza Brey a principios do século XX ou se para quitar ese mal recollían loureiros que queimaban nunha fogueira de vidras sobre tellas virxes como indica Milagros Torrado xa no século XXI. Seguiremos camiñando para intuír a vida nos castros, inzados de marisco e, se Manicho Cativo tiña razón, lambetadas do mel que os osos deixaban para eles. Debullaremos as fontes históricas e arqueolóxicas dun asentamento que se segue a encher de bulicio na súa romaxe de agosto en convivencia harmónica entre o relixioso e o pagán e que tamén coñeceu as noites arriscadas daqueles tempos predecesores de Fariña. E, como non, quedaremos mirando o interior da nosa ría dende a punta lembrando a Manuel Maneiro, eterno habitante de Neixón.”
Detalles
- Data:
- Setembro 20
- Hora:
-
12:00 p.m. - 1:30 p.m.
- Categoría dos Evento:
- Actividades AELG, Antropoloxía, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Roteiros
- Evento Etiquetas:
- Asociación Cultural Barbantia, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Concello de Boiro, Deputación da Coruña, Fermín Bouza Brey, Milagros Torrado Cespón, Pepe Carreiro
Protagonista
- Milagros Torrado Cespón
- Ver a páxina web do Protagonista
